Xornada tecnolóxica sobre xemelgos dixitais na industria: proxecto Twin NavAux
18 de decembro, 2024
O mércores 18 de decembro de 2024, tivo lugar en Porto, en formato mixto (presencial e en liña), unha xornada de difusión tecnolóxica centrada no uso do Digital Twin na industria.
Baixo o título «Cara ao Dixital Twin intelixente: optimización tecnolóxica e económica na empresa. O proxecto Twin NavAux», o evento buscaba achegar aos participantes a casos reais de desenvolvemento de Xemelgos Dixitais e ofrecer unha visión actualizada sobre o avance dos tres pilotos que o proxecto Twin NavAux está a implementar para empresas de fabricación na Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal.
O evento contou coa participación dos socios do proxecto Twin NavAux:
- Axencia Galega de Innovación (GAIN)
- Asociación Clúster del Naval Gallego (ACLUNAGA)
- Universidade da Coruña (UDC)
- CATIM – Centro de Apoio Tecnológico à Indústria Metalomecânica
- Universidade Portucalense
- Ibercisa Deck Machinery
- Industrias Ferri
- ElectroRayma
Ademais, asistiron representantes de diversas empresas e entidades industriais e educativas de España e Portugal.
Metaverso e pilotos de xemelgo virtual
Tras a presentación inicial do proxecto Twin NavAux, a empresa Infinite Foundry, con sede en Porto, compartiu a súa experiencia no ámbito dos Xemelgos Dixitais.
Especializada en simulación e optimización de procesos industriais, Infinite Foundry destacou como as solucións baseadas en Dixital Twins e simuladores virtuais permiten ás empresas reducir custos, aumentar a produtividade e mellorar a toma de decisións. Entre as súas innovacións figura o desenvolvemento de Xemelgos Dixitais no metaverso, unha liña de traballo que tamén forma parte do proxecto Twin NavAux.
A continuación, persoal investigador da Universidade Portucalense e da Universidade da Coruña presentou os avances nos pilotos de xemelgo virtual desenvolvidos para as empresas Ibercisa, Ferri e ElectroRayma. Estes pilotos, en distintas fases de desenvolvemento, espérase que estean rematados para finais de 2025.
Proxecto Twin NavAux
Cofinanciado ao 75% pola Unión Europea a través do Programa Interreg VIN-A España-Portugal POCTEP 2021 – 2027, o proxecto Twin NavAux traballa en establecer as condicións tecnolóxicas e de capacitación necesarias para facilitar a implantación xeral de modelos de xemelgo dixital de produto no sector auxiliar do naval para optimizar a rendibilidade e a eficiencia operativa en empresas industriais.